A Xunta de Galicia avanza no seu compromiso de facilitar o acceso a unha vivenda digna e accesible á cidadanía, cunha acción política que combina o incremento da oferta residencial, a rehabilitación e o desenvolvemento de solo onde construír novos fogares.
Unha folla de ruta que inclúe medidas normativas para axilizar e desburocratizar a construción de nova vivenda, e axudas directas para o acceso á mesma. O obxectivo non é outro que dar resposta ás necesidades habitacionais dos galegos e galegas.
E neste compromiso, o Goberno galego marcouse coma obxectivo duplicar o parque público residencial de Galicia ata as 8.000 antes do remato do ano 2028, e xa están en marcha 4.670 novos fogares de promoción pública, dos que preto de 2.000 están en obras.

Axudas
A este esforzo na construción únese a recente aprobación, por parte do Consello da Xunta, de todas as liñas de axudas para o acceso á vivenda, que a Xunta acaba de aprobar e que suman preto de 151M€.
Desta cantidade, 83,1 M€ estarán destinados a axudas para acceso á vivenda e os restantes 67,7 M€ a axudas para rehabilitación, tanto por parte de particulares ou comunidades de propietarios como polos concellos. En total, son 19 liñas de axudas, nove delas destinadas a acceso á vivenda e dez a rehabilitación.

Acceso á vivenda
As axudas de acceso á vivenda comprenden especial apoio para o impulso da construción de vivenda protexida, ao que se destinan 26,6M€ de orzamento, entre os que inclúe una nova liña por 7M€ dirixida especificamente aos concellos para que poidan promover vivenda protexida, que permitirá financiar ata 80.000 euros por fogar.
Tamén está dirixido aos concellos o Fondo de Cooperación, que facilita a promoción de vivenda ou desenvolvemento de solo con 5,1M€.
Outro eixo o compoñen as axudas ao alugueiro. Así, destinaranse 10M€ para achegas dirixidas ao pago do aluguer da vivenda habitual e 17,2M€ ao Bono alugueiro social. Ademais, impúlsanse axudas a entidades de iniciativa social para proxectos de acceso á vivenda (14,1 M€).
E outro dos piares do acceso á vivenda son as axudas á compra, con especial foco na mocidade. Trátase das achegas para adquisición de vivenda en concellos de menos de 10.000 habitantes, dirixidas a menores de 36 anos é as que se destinan 2,8M€, así como as achegas para adquisición de vivenda en centros históricos e de vivenda protexida, con 2M€, e nas que os mozos terán maiores contías.
Inclúense así mesmo os avais para adquisición, que permitirán avaliar ata 5 M€ e para os que se incrementou a idade ata os 45 anos e cos que avala o 20% desa primeira compra.
Por último, contémplanse axudas para adquisición de vivenda por parte de organizacións sen ánimo de lucro para destinalas a alugueiro accesible ou cesión de uso, ás que se destinan 152.000 €.

Rehabilitación
No que atinxe as liñas de axudas de rehabilitación, hai cinco destinadas a particulares ou comunidades de propietarios e outras cinco dirixidas aos concellos.
No caso dos particulares, poderán optar ás achegas para rehabilitación de vivendas en concellos de menos de 5.000 habitantes (ás que se destinan 5 M€), que se poden empregar para residencia habitual ou para aluguer e que teñen contías de ata 30.000 euros de axuda.
Tamén as axudas para mellorar a accesibilidade, a seguridade, a habitabilidade e a eficiencia enerxética, para particulares e comunidades de propietarios, dotadas con 23M€ e que poden alcanzar os 53.000€ por vivenda. E o programa Fogar Vivo, con 2,8 M€, e que ten como obxectivo incentivar a incorporación de vivendas ao mercado a prezos accesibles.
Resérvanse 2M€ ás achegas para reformar vivendas situadas nas áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra e 1M€ para a adecuación de vivendas públicas por parte das comunidades de propietarios.

En canto ás iniciativas dirixidas aos concellos, convocaranse 2,16M€ para a rehabilitación de inmobles de titularidade municipal en concellos de menos de 30.000 habitantes, como as antigas vivendas de mestres.
Volverase convocar a liña de axudas destinada a mellorar as condicións de habitabilidade de infravivendas (370.000€)
Destinaranse ademais 14,4M€ en axudas aos concellos que teñan algunha Área de Rehabilitación Integral (ARI) ou área Rexurbe e outros 11,9M€ a través do Fondo de cooperación cos concellos para a rehabilitación e conservación do patrimonio construído.
Por último, as axudas do fondo Rexurbe, con 5 M€, permitirán aos concellos financiar melloras nestas áreas declaradas de rexeneración urbana.
O Goberno galego prevé publicar xa antes de que remate este ano nove destas liñas de axudas, aínda que o prazo de presentación de solicitudes se iniciará a comezos de 2027. As outras dez liñas de axudas convocaranse a comezos do vindeiro ano.





